Ombre < Anobre

[Actualizado a 1.08.2021]

 

Hai non menos de 5 topónimos Ombre no país. Todos eles na proximidade xa dun río maior —O Tambre— , xa dunha ría:


a) Ombre, Viceso, Brión

A aldea de Ombre, da que non coñezo documentación medieval, está situada a uns 400 metros do Castro de Froxán, que se alza sobre o río Tambre, a uns 150 metros. 
O río Tambre, óvalo do castro de Froxán, e as aldeas de Froxán e Ombre, foto aérea do voo americano de 1956-57 © Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia.



b) Ombre, Almeiras, Culleredo

Ombre, en Culleredo, está situado entre a o aeroporto de Alvedro, na Coruña, e a Ría do Burgo, e a uns 500 metros desta última. Se é que houbo un castro na contorna, probabelmente foi destruído ben ao construíren o aeroporto, ben polo crecemento urbano (o castro de Alvedro, a uns 1500 metros ao sur de Ombre, coido que está demasiado afastado como para estar relacionado).

Está documentado como Anovre:

medietate unius agri qui fuit de hominibus de Anoure, qui iacet iuxta agrum de Maria Roderici et suarum gentium et de alia parte agrum de hominibus de Rutes [=Rutis, Culleredo] 1195 (Tombos de Sobrado I d. 438)


c) Ombre, Vilanova, Miño

Está no alto dunha lombiña entre o río Xarío e a ría de Betanzos, a algo máis dun quilómetro ao sueste.


d) Ombre, Pastor, O Pino

Xunto ao seu castro, a medio quilómetro do Tambre. Documentado como Anobre:

in ualle Bauegio, uilla Anobre cum adiacentiis suis, uilla Oseui cum adiacentiis suis [971] (Tombos de Sobrado I d. 112)


e) Ombre, Pontedeume

É unha das parroquias comprendidas no municipio de Pontedeume. A igrexa parroquial está a uns 300 metros do castro da Nogueirosa, que se alza nun outeiro a uns 500 metros do Eume, aquí xa máis ben ría que río.

et im Prucius, VIIIª de Sancta Maria de Anovre 1114 (Tombo de Caaveiro d. 59);

et in Nogueirosa, et in Anobre 1150 (CODOLGA) ;

in cautum de Nugeirosa, discurrente ad Sancta Maria de Oovre 1221 (Tombo de Caaveiro d. 164)

~o~o~o~

 
Temos a maiores un outro Anobre na documentación altomedieval que non se corresponde con ningún dos anteriores:

f) [+]Anobre, Vilouchada, Trazo

Anobre cum omni sua prestantia, que est in territorio Montanos iuxta ecclesia Sancti Uincentii, ripa Tamaris 1023 (Tombos de Sobrado I d. 126) ;

uilla de Anobre [...] uilla de Anbre 1027 (Tombos de Sobrado I d. 134)

 
Parece ser unha referencia ao castro de San Vicenzo de Vilouchada, a uns 400 metros do río Tambre, pro que por outro documento sabemos que era chamado castro Brion, no entanto que Vilouchada era coñecida polo 818 como Villa Ostulata, e anteriormente como Lentobre (Tombos de Sobrado I d. 43). Alternativamente, dándolle un valor moi laxo á preposición iuxta, podería ser o castro do Pereiro, 3 km ao sur sobre a propia ribeira do río, ou mesmo o Castro de Breixo, uns 4 km ao leste.

~o~o~o~


Como xa foi proposto por Bascuas (2002: 235-6), estes topónimos deben proceder dun étimo *Anobris, vía o seu acusativo latinizado *Anobrem:

*Anobrem
> Anovre (lenición de oclusivas)
> *Ãõvre (nasalización e perda de n intervocálico)
> Õõvre (asimilación da vogal átona ao timbre da tónica)
> Ombre (crase vocálica e xeración dunha nasal na coda, fenómeno propio do galego occidental)

<RANT ON> O apelido Hombre, frecuente especialmente nos concellos da contorna do Ombre de Brión (https://ilg.usc.es/cag/Controlador?busca=HOMBRE) é sen dúbida unha castelanización chusca de Ombre por folk-etimology elevada a norma por estulticia escribana. Lamentabelmente, e coma case sempre, non é que exista un topónimo paralelo en castelán, senón que os axentes da deturpación están ocupados deformando o topónimo/antropónimo galego e dándonolo a comer despois cun prato de lentellas (consulte calquera lector a Wikipedia en castelán e a información que Google ofrece —mesmo en galego!— facendo uso dela: "Quere ir a Xenebra? Déixeme informalo que en castelán é Ginebra!" "Rianxo? Rianjo! Tranquilo, se navega en castelán non o amolarei dicíndolle como son eses nomes en galego!"). </RANT OFF>

~o~o~o~


Concluíndo, *Anobris é un composto cun segundo elemento *bris que procede do proto-Celtico *brixs ‘monte, outeiro > castro’ (Matasovic 2009: 77); e cun primeiro elemento *ano- (con a breve ou longo) para cuxa etimoloxía teño dúas propostas:

a) *āno- < PIE (protoindoeuropeo) *h1eh2n- ‘anel’ (Matasovic 2009: 38).

[Para o resultado do grupo #HeHC- en protocéltico: Zair 2012: 25].
Neste caso, o significado destes topónimos sería ‘monte do anel’ ou, asumindo unha tautoloxía, ‘castro do anel’. Esta etimoloxía non me é enteiramente satisfactoria polo feito de seren todos estes topónimos nomes de castros de río, cando o "anel" —muralla, foso, etc.— en principio pode caracterizar a case tódolos castros non asentados nun saínte costeiro.


b) *ano-, relacionado co irlandés medio an ‘auga’, galo anam ‘paludes’ (Delamarre 2003: 43), irlandés en- ‘auga’ en compostos, río Guadiana... En última instancia dun PIE *pen- ‘mud’ (Matasovic 2009: 127).

O significado de *Anobris sería entón ‘castro da auga/río/ría’. De ser correcta esta proposta (cfr. Bascuas 2002: 235, máis a etimoloxía suxerida por Matasovic ou Delamarre desde o PIE) teríamos un outro caso de perda céltica de /p/ na Galiza fóra da que se dá no grupo *pl- > l- (Ledesma, etc.), onde a perda podemos supoñer de momento pacífica; vexáse o que escrebe Carlos Búa ao respecto disto (Búa 2018: 54-70).
 
PD: Aquí podedes consultar unha proposta distinta e interesante por Isidoro Millán González-Pardo, publicada en 1978; non obstante, hoxe só pode ser desbotada en base á documentación. 

~o~o~o~


Proposta musical da semana: "Un día" de Son Trío. Desfrutade! Que vaia ben.





 

Comentarios

O máis visto no último mes