insulam uocitatam Oneste


Isto é, "illa chamada Oneste". Esta é, a meu saber, a primeira vez que o lugar que hoxe chamamos Oeste, ou as Torres de Oeste, son mencionadas por un precedente do seu nome actual; foi nun documento do ano 1024 copiado no Tombo A da catedral de Santiago de Compostela. Nel, o rei Afonso V cede ao bispado de Iria/Compostela a illa chamada Oneste, onde o monarca fixera construír unha fortaleza (civitatem) descrita como asombrosamente grande (mire magnitudinis) para a defensa do lugar sagrado, a tumba do apóstolo:

"adicimus eciam huic Loco Sancto insulam uocitatam Oneste, quam iam auus meus, diue memorie, domnus Adefonsus princeps ibi concesserat, cum aliis insulas que sunt infra mare; in qua insula nos postea ciuitatem edificauimus mire magnitudinis compositam ad defendendam ipsius apostoli patriam" (TA d. 64)

As torres de Oeste no voo americano de 1956-57, "coloreado" [ehem, foi un traballo rápido] por min. A zona vermella corréspondese con brañas itermareais. A illa ten algo más de douscentos metros de lonxitude máxima. Imaxe orixinal © Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia.

Hai dous datos que coido son moi interesantes do punto de vista da toponomástica. O primeiro é que Oneste non é primitivamente a parroquia, freguesía ou igrexa de Oeste (Santa Baia de Oeste) en Catoira, senón a propia illa. A segunda é que, fronte á documentación posterior (castelli Honesti), Oneste non é presentado como un xenitivo de posesor Honesti, de Honestus:

Santa Vaya do Este e de San Migell de Catoyra e de San Gẽens de Vameo con o barral de Cores e o porto do Carril e a ynsoa de Cortegada 1455 (GMH: Feudos d. 37)

hereditate de Coagia in terra de Oeste 1289 (Toxos Outos d. 460)

terra castelli Honesti 1142 (CDGH d. 99)

terra de Honeste 1120 (Pinario d. 27)

uilla media pernominata Uillar, iuxta castellum de Oneste adiacente in ripa Ulie 1107 (TA d. 76)

Se Oeste deriva do pago dun tal Honestus, entón o seu territorio, de dúas hectáreas medio enchoupadas rodeadas pola ría do Ulla, era ben ruín. Pro, e si Oeste non fose un nome de posesor? E se parte do seu tratamento documental medieval tivese caído nunha etimoloxía popular?


~o~o~o~

A primeira hipótese etimolóxica formulada ao respecto deste topónimo, que se non me engano foi proposta por Sarmiento, deriva o seu nome dunha forma [Turrem] Augusti, ou similar, e ten o seu fundamento nunha pasaxe da Chorographia de Pomponio Mela: “Partem quae prominet Praesamarchi habitant, perque eos Tamaris et Sars flumina non longe orta decurrunt, Tamaris secundum Ebora portum, Sars iuxta turrem Augusti titulo memorabilem ” (De Chorographia, III, 7). As torres de Oeste, na foz do Ulla e preto da boca do Sar, ricaces en historia, edificadas encol dun antigo castro... Por que non?

A evolución implícita sería algo así como *Augusti > *Ooste > *Oeste, non trivial por, entre outros motivos, o cambio da vogal tónica de o pechado procedente de u breve latino a e aberto [ɔˈɛstɪ] (que poderíamos desbotar como atracción polo substantivo oeste).

É unha posibilidade suxestiva que as testemuñas altomedievais (que indican que no seu étimo había unha nasal /n/) non favorecen.

~o~o~o~

Despois, a etimoloxía hoxe xeralmente aceptada, e motivadamente o é, deriva Oeste, vía a medieval Honesti, do nome dun pago, villa, castelo ou propiedade. Se a localización inicial desta propiedade estivese en terra firme, nas ribeiras do Ulla, aquí non habería caso. Pero o que nos indica o documento máis antigo é que Oneste é o nome da illa. Como nota adicional, aínda que Honestus é nome coñecido e usado na alta idade media en Cataluña, algo menos na Liébana e Asturias, non está documentado na Galiza ou en Portugal (cf. Becker 2009: 578).

~o~o~o~

Temos no Porto do Son un topónimo similar, Ieste [ˈjɛstɪ], situado entre dous regatos, e do que penso que deriva o apelido Dieste (D'Ieste: http://ilg.usc.es/cag/Controlador?busca=DIESTE), que, porén, é descoñecido no Porto do Son mais frecuentísimo nas beiras do mar de Arousa. Ieste está situado no que en galego antigo se chamaría unha insua, un terreo —non sempre insular— entre dous ríos, a uns 250 metros de cada un deles:

Ieste, entre os ríos ou regos de Quitáns e Queiroa.  Imaxe orixinal © Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia. 
A Insua, na Pontenova, nunha configuración xeográfica similar. Cartografía © Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia.

Nótese que o galego insua deriva do latín insula 'illa', tendo experimentado non só unha evolución fonética, mais tamén unha evolución semántica. Prosigamos. 

Ieste está documentado como:

in uillis nominatis videlicet Calo et Ieste et Thores et in toto ipso ualle de Neuar 1220 (Toxos Outos d. 764)

in villa de Tores et illam meam hereditatem de Inest 1188 (Toxos Outos d. 770)

Etimoloxía? Con poucas dúbidas, do celta: comparemos o irlandés antigo inis, o galés medio ynys, bretón medio enes, córnico enys, todos 'illa' (en galés tamén significou 'dry space in a marshy place', 'meadow along the side of a river', cfr. Geriadur Prifysgol Cymru s.v. ynys - o galés escrito e fodidamente sexi, concho) dos que Matasovic (2009: 116) reconstrúe un étimo común *enistī, *inestī, ou *inistī, aínda que favorecendo *enistī para poder dotalo dunha etimoloxía indoeuropea; porén, o propio Matasovic suspeita unha orixe celta común, pero non indoeuropea, para este termo. O noso topónimo quere máis ben *inestī ou mesmo *enestī.

~o~o~o~

E voltamos ao Oeste, unha insua que en galés medio podería ter sido descrita como ynys, nas brañas do río Ulla/ría de Arousa. No documento mencionado do Tombo A de Santiago di Afonso V que xa esta illa fora cedida ao lugar santo do apostolo polo seu avó (antepasado) Afonso xunto con outras illas do mar. Non temos ese documento (si a doazón en 899 de Arousa, Sálvora, Ons e O Grove), penso, pero si unha confirmación do ano 911, polo que o rei Ordoño II, naquel intre rei só na Galiza, confirmaba a doazón do seu pai:

"insulas que sunt infra mare [mesma fórmula!], quas pater noster domnus Adefonsus rex per testamentum concessit Sancto Loco uestro, id est: Aones, Framio, Saluare, Arauza, Sias et Tanao"

É unha relación pechada: Ons, Framio,  Sálvora, Arousa, Cíes [aínda Sías na pronuncia local dos mariñeiros] e Tambo. Só Framio non está identificada, e debe ser o nome propio primitivo da illa de Oeste.

Entón, recapitulando:

- a nosa illa é mencionada con dous nomes distintos en 100 anos, Framio e Oneste;

- nese momento (século décimo) Honestus non é un nome que se documente na Galiza nen deixou outros topónimos similares (cómparese, non obstante, que de Modestus temos Moeche, Moeste), polo que non creo que Oneste derive dunha concesión recente a un home con ese nome.

- Oneste puido derivar dun apelativo prelatino cuxo significado era similar ao galego antigo insua; con todo, habería que explica o cambio de e ou i átono inicial a o [ad hoc: fonética sintáctica desde un illo eneste, con cambio de xénero desde o céltico, femenino; o o aberto actual por etimoloxía popular desde oeste 'poñente'; sería interesante comprobar que o apelido Dieste non se orixina en Oeste, por se rebela unha duplicidade antiga na realización do topónimo]; penso que esta orixe é segura para Ieste, Porto do Son;

- Framio foi tal vez un apelativo nun momento primitivo da nosa lingua, se é que está relacionado cos lugares chamados Framia, A Framia ou As Framias, todos no occidende da provincia de Ourense, que se non teñen un étimo prelatino podería derivar do latino framea 'lanza', un termo procedente das linguas xermánicas;

- Pero Framio [o grupo fr- pode ser o resultado dun céltico *sr- ou *sfr-: compárese por exemplo o bretón antigo frut 'regueiro' que procede dun protocéltico *sruto- (Matasovic 2009: 353)] puido ser tamén simplemente o nome propio da illa ou do castro que houbo nela, no entanto oneste sería a pervivencia dun nome común prelatino, fosilizado.

Concluíndo, non desboto que Oeste derive dun Honesti antigo, pro nin a mención máis antiga da illa,  Framio, nin a máis antiga do topónimo, insula vocitata Oneste, o respaldan. Si o fan as posteriores, castelli Honesti, que poden ser un caso de etimoloxía popular como hoxe o é o de Torres do Oeste, frecuentemente interpretado como "Torres do Occidente". 

Un nome antigo da illa foi Framio, que require o seu propio estudo etimolóxico [dun céltico *sr̥h3-m-i̯o-, de *serh3- ‘desprazarse hostilmente’?; Greule (2014: 462) propón como etimoloxía, céltica, do río suízo die Sarner Aa a forma *Sarnonā, de *sr̥h3-nó-; para a evolución destes complexos grupos en linguas céltica cfr. Zair (2014: 69-89)]. Outro, Oneste, deriva tal vez do léxico común galaico, desde unha forma protocéltica que significaba 'illa'. Sobre o posíbel dobre topónimo prelatino, lembremos o documento de Sobrado do ano 818 en que Vilouchada, en Trazo, se nos di que era chamada antigamente Lentobre (nome propio dun castro) e que estaba situada xunto ao castro Brión (que debeu ser nome común procedente dun céltico *brigion- 'castrillón'): "in uilla que ab antiquis uocitabatur Lentobre et nunc uocitatur Ostulata, subtus castro Brione".

~o~o~o~

Recomendación musical da semana: "Outono de fíos electricos" de Chicharrón:


 

Comentarios

O máis visto no último mes