O Seán, O Ceán, O Ceao < *kelāno- 'monte'

 O Seán en Boiro, Mazaricos e Porto do Son, onde temos tamén un Busteseán; Alto do Seán en Brión; Monte Ceán na Baña, Carballo, Rianxo e Ponte Caldelas; Alto do Ceán en Zas; O Ceán en Malpica, Arzúa, Vimianzo, Nigrán e Vigo; Ceán en Abegondo; O Ceao en Guntín, Lugo e Vilasantar, aquí cun Monte do Ceao... 

O Seán en Brión está documentado como Monte Zeanum no 1154:

"hereditates de uiogio [Vioxo] et de iusano [Vioxo de Arriba] populatas et uillam ninanes [Nináns] similiter populatam et quicquid habeo ultra montem zeanum [O Seán] id est in goianes [Goiáns] et in argiones [Ardións] et in cornanda [Cornanda]" 1154 (HSISC IV d.  23)

Todos eses lugares pertencen á San Xulián de Luaña, Brión, e non deixan lugar á dúbida.

Unha forma aínda máis antiga está atestada nun documento do tombo de Toxos Outos, datado no ano 1169:

"id est per illas petras nigras que extremant de Udris [Udres] et per caruali(...)rtam et inde per illam feruenciam de sub monte Caluellie [Calvelle] et per illum congustum (...) Salgueyrolum et per illam lagenam de illo fenale de Ualiantes [Valientes], et inde (...)am uiam que uadit ad redarium de domno Cresconio et tornat deorsum ad illum octerium et inde ad illum fogium qui est inter uillare de Rania [Raña] et ipsum riuulum, et inde per ipsam lumbam inter Raniam [Raña] et Caluelle [Calvelle] et inde ad campum de Aurabe et per ipsum celanum usque ad supradictas petras nigras" (TTO d. 762)

Nótese que per ipsum celanum está a delatar a condición de apelativo da nosa palabra.

Entón: celanum > zeanum > *ceão > Seán / Ceán / Ceao .

Étimoloxía última de celanum? Podemos supoñer un neutro *kelānon, rematado se cadra no mesmo sufixo que os ríos, tamén prelatinos, O Mao < humano < *umāno-. Este *kelānon 'monte, outeiro' deriva sen dúbida do proto-indo-europeo *kelH- 'hill'; deste raíz proceden por exemplo o latín collis e o inglés hill ( < *kl̥H-ní-s), ou o lituano kálnas ( < *kolH-nó-s). E se facemos proceder o noso *kelānon, a súa vez, dun anterior *kelōnon (con evolución céltica ō > ā en sílaba interior), entón sería un cognado case que idéntico do grego antigo κολωνός (kolōnós), de igual significado.

 ~o~o~o~

 Recomendación musical, desde A Coruña, Cruzeiro:





 

Comentarios

  1. Entón Colúns tamén está emparentado con todo isto.

    ResponderEliminar
  2. Interesante artigo, Cossue. Saberás que unha das hipóteses da etimoloxía de Galicia/Galiza é a mesma que a que apuntas para Ceán: o indoeuropeo *kelH. De proceder ambas formas deste etimo, terían seguido dúas evolucións distintas, penso que probablemente porque Galicia non procede directamente de *kelH, senón do etnónimo Kallaikoi, isto é dicir, filtrado polo grego e o latín. De ter seguido unha evolución autónoma, polo tanto, podería ser que hoxe o nome do país fose Ceania, Ceaia ou similar... doutra banda, hai quen pon en relación a etimoloxía de Kallaikoi co antigo asentamento de Kale (hoxe Gaia, xunto a Porto), e ambolos dous coa raíz indoeuropea *kal- (= "duro", "pedra..." segundo Pokorny), no sentido de promontorio defensivo. Que opinas ti? saúdos, e grazas por seguires aí. Carr.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. *Kall- de Kallaikoi / Callaecos seica ven dunha formación nominal *kelH-no- > *kallo- 'monte; bosque?'. Virán de aquí os moitos Calo que temos no país? Graciñas, Carr. Tan só sinto non manter unha periodicidade decente :-(

      Eliminar
  3. *Kall- de Kallaikoi / Callaecos seica ven dunha formación nominal *kelH-no- > *kallo- 'monte; bosque?'. Virán de aquí os moitos Calo que temos no país? Graciñas, Carr. Tan só sinto non manter unha periodicidade decente :-(

    @Carlos: Non sei de Colúns estará relacionado...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixe o seu comentario:

O máis visto no último mes