15 de setembro de 2009

Agarimar e Arrimar









Umha verba galega que é frequente nas listas das máis fermosas, junto com outras como bolboreta ou faísca, é agarimo. Todos sabemos o seu significado: carinho, alouminho, mimo... Para mim Agarimo é tamém o nome da livraria compostelá onde mercávamos os nosso livros de texto, que daquela eram de pago, como agora som outra vez. Mais, desde quando dizemos os galegos 'agarimo'? Provavelmente desde hai moito tempo, mais co significado actual direi que desde hai bem pouco. As máis conhecidas acepçons desta verba som livrescas, construídas polos nossos literatos dos séculos XIX e XX. O seu significado máis próprio na nossa língua hai que busca-lo porém na literatura oral, popular, e tamém nos clássicos da Idade Média e do XIX. Vamos alô:




O seu emprego máis antigo e numha das Cantigas de Santa Maria compostas ou ordenadas polo rei Afonso o Sábio, no último terço do século XIII:




Esta é como Santa Maria guareceu en Tocha, que
é cabo Madride, un meno que tia ha
espiga de trigo no ventre.




Tant' aos peccadores a Virgen val de grado,
per que seu santo nome dev' a seer mui loado.




E daquesto avo miragre mui fremoso
que fez Santa Maria, e d' oyr saboroso,
cabo Madrid' en Tocha, logar religioso,
que vos contarei ora, se me for ascuitado.
[T]ant' aos peccadores a Virgen val de grado...




En ha aldea preto de Madride morava
ha moller mesqa, e seu fillo criava
que avia pequeno, que mais ca sy amava,
que a perder ouvera, se non fosse guardado
Tant' aos peccadores a Virgen val de grado...




Pola Virgen beita, de como vos diremos.
Ca aquela mesqynna foi, en com' aprendemos,
a espigar con outras e, com' oyd' avemos,
seu fill', aquel meno, en braç' ouve levado.
Tant' aos peccadores a Virgen val de grado...




E quand' entrou na messe u as outras espigavan,
agarimou o moço a feixes que estavan
feitos d'espigas muitas, que todos apanna[va]n,
e a Santa Maria o ouv' acomendado
Tant' aos peccadores a Virgen val de grado...




Que llo guardass'. E logo o menynno achada
ou[v]' a grand' espiga de graõs carregada
de triigo, que na boca meteu e que passada
a ouve muit' agynna; onde pois foi coitado
Tant' aos peccadores a Virgen val de grado...




Tan muito, que o ventre lle creceu sen mesura.
Quand' esto [vi]u a madre, ouv' en tan gran rancura,
porque cuidou que era morto per ssa ventura
maa; e a Madride o levou muit' inchado.
Tant' aos peccadores a Virgen val de grado...




É dizer, a nai levou seu meninho em Atocha cabo do agro onde andavam ela e máis outras a apanhar a colheita, e deixou-no a rentes duns deixes de trigo. A rentes digo, por quanto onde na cantiga vai agarimou podemos ler arrimou sem cambiar o significado. Surpreendente, nom é?




Por certo, que arrimado tamém aparece em galego por vez primeira, entenda-se que por escrito, na traduçom galega da General Estoria de Afonso X:




'Et dizẽ que estaua enfesto dos péés de deante arrimado aa mata comendo das follas.' (TMILG: General Estoria)




Ainda hai outra mençom máis antiga e máis impenetrável da verba agarimar no foro de Vila Boa, documento de 1244 polo que Dona Toda outorga foro aos colonos e habitantes de Vila Boa, no concelho da Veiga, em Valdeorras:




'Estos poblan a atal foro que me den tres Modios de centeno pola talega de Viana qual agora anda & III talegas de trigo & III de centeno & II dos lumbos & II duas galinas & senas marranas que valan dos dos solidos entre dos dar I carneiro e tres tres panes dineiradas de pan de trigo, el carneiro de dos dentes deste lugar ogarimos.' (Doc XII-XIII, 1244)




Por outra banda, temos cantigas e advérbios tradicionais recolhidos desde hai tempo polos estudiosos do nosso país:




Olhos negros som zelosos,
Azules som lisonjeiros,
aos castanhos me agarimo
Que som os máis verdadeiros.




Onde a voz se acuvilha aos olhos acastanhados como quem se achega ao lume no inverno. O seguinte, um adverbio popular, amossa outro matiz de significado: desagarimar = apartar, separar, repudiar; ou o que em castelám é 'desahuciar':




Quem os seus desagarima,
aos alheos nada pida




Avançando até Sarmiento e Sobreira, já no século XVIII, achamos as seguintes acepçons:




agarimo: 'En La Coruña, amparo, arrimo.' (Sarmiento, CatálogoVF 1745-1755).




agarimar: 'v. a. Arrimar a otra cosa ropa o cosa que la abrigue, dar calor, abrigar.' (Sobreira, Papeletas 1792-1797).




agarimar: 'Met. Amparar, socorrer, proteger.' (Sobreira, Papeletas 1792-1797).




agarimo: 'El abrigo que da o hace cualquier cosa o persona; como el agarimo que da la pared contra el viento, el limosnero contra la pobreza.' (Sobreira, Papeletas 1792-1797).




Máis tarde, em 1854, o dicionário de Javier Rodríguez recolhe 'Agarimo. Amparo'. Em 1858 Luis Aguirre del Rio no seu dicionário:




agarimar: Amparar, consolar




agarimo: Amparo, apoyo fisico y moral




garimeiro: Abrigo, parte en que no da el viento.




É Pintos quem em 1865 apresenta o significado 'acariciar':




garimar: Acariciar, cobijar, popar.




Este significado de abrigar, arrimar, proteger, refugiar, ajudar, é ainda o máis empregado na língua escrita no século XIX, sendo acariciar, alouminhar minoritário e tardio. De seguido umha escolma (a jeito de exercício, pode-se fazer a prova de trocar, no que segue, agarimo por protecçom, refugio ou arrimo):








M:
Todo estará ven disposto
Mais por outras razos sinto,
Que lle marre á os labradores
O seu brazo é agarimo.




F:
Eu tampouco estou contento:
¡Como ha de ser! é preciso
Ter pacencia é conformarse
Co á voluntá do Altisimo.




M:
El se acorde de nosoutros,
E non deixse sin castigo
Áqueles que á nosa costa
Queren encher ó bulsillo.




(TILG: Vicente Turnes 1842)




Do mesmo autor:




Xsa lebo dito que á Reyna
E de moi bo corason,
E con el ¡meu amoriño
Coutará á rebelion.




(...)




En ela ó seu agarimo,
A de ter ó labrador,
70 porque si as colleitas marran
Non vale nada ó Señor.




(TILG: Vicente Turnes 1843)




De Pintos, na Gaita Gallega (garima = acaricia, tenha-se presente que el é o primeiro em abonar o significado de acariciar para a nossa palavra, veja-se máis arriba):




No outeiro que garima o manso Lérez regazo de Pomona e mais de Flora paraíso de alegrías ónse mil regaladas harmonías ó despuntar a Aurora.
(Pintos: A Gaita Gallega, 1853)
E dalgum outro autor menos célebre:




agarimo = refúgio, asilo, amparo:




E digo que se abriron as cataratas do ceo, e que a terra se inundou. As augas xa chegan ós picoutos dos montes, derradeiro agarimo dos homes, e de eiquí a pouco soilo unha familia e un macho e unha femia de cada especie de animales quedará a salvo da inundación drento dunha barca, que xa vai navegando á ventura nas augas do universal diluvio.
(TILG: Cecilio Navarro: A Moeda, 1884)




agarimo = sustento:




¡Abride á carreira, de contado, agora mesmo, unha suscripceón xeneral, voluntaria, espontánea, dos Abades e feligreses, dos seores e xornaleiros, de pequenos e grandes; qu'os seores Gubernadores e Diputaceós, os Auntamentos e corporaceós, se botarán diante, pr'arrumbar ese camiño de ferro, qu'ha de sere o agarimo, a riqueza, a vida, desta, hoxe coitada, naceón!
(TILG: José Dominguez d'Esquerdo: Entonces e Agora, 1859)




ao agarimo = arrimado, a rentes, a carom:




Pro en vez de vir aa eira e dende aquí de este pico do meu palleiro eu falar-vos, falarei-vos ao agarimo da fogueira do meu lar, aló aas noites dos domingos, a non ser que unha gran nova me faga vir a este sitio;
(TILG: O Seor Pedro: Ferrocarril Compostelano, 1862)




agarimouse = arrimou-se, achegou-se:




E calaron… ela baixou os ollos misticamente, i Antón agarimouse á porta e colleu entre as súas a mau de Delores…
(TILG: Maximo Leyes Posse: Sacar o Aire, s. XIX)




agarimo = sustento:




Non esquezades, meus compañeiros de monteira, que os homes que traballan con fe, sempre teñen un agarimo, pois sempre recollerán os froitos do seu traballo qu'é unha das millores vertudes.
(TILG: O Tio Marcos da Portela, 1877)




agarima = arrima, achega:




o que vai cos que mandan, o que s'agarima ós que trunfan, o que lle saca a monteira ós que teñen e poden, anque outra cousa fale, é conservador enxebre daqueles que viven e medran entendendo-se con todos i a conta de todos. ¿Tocan a bailar? Pernas en movemento. ¿Entran onde moitos choran? Pois eles poñen-se a chorar que por algo teñen as bágoas.
(TILG: O Tio Marcos da Portela 1884)




agarimo = refúgio, asilo, amparo:




Polas noites da chuvia e da xeada pra se librar, buscaba na súa chouza mal coberta de pallas agarimo: tiña luz o resprandor das foupas que a mangados queimaba nun curruncho: tiña por cea solamentes broa, por leito tiña o leito da facenda, e por manta os farrapos das súas roupas.
(TILG: Valentin Lamas Carbajal: Saudades Gallegas, 1880)




agarimo = sustém:




Xusto sofría con pacencia os rigores das súas doencias, augurios todos ben craros de que moi axiña iba quedar aquela probe i esconsolada familia sin o seu millor amparo, sin o seu úneco agarimo, que tantas bágoas soupo enxugarlle en millores días.
(TILG: Rufino Ribera Losada: A Morte de Xusto, 1889)
agarimando-se = apoiando-se:




a que se amamantou ós peitos da loba romana, servindo-lle de pañales a purpra dos Césares; a que deprendeu a santiguar-se poñendo a direita na de Recaredo; a que se dormía i espertaba ó arrolo das consellas d'Osmán e de Lampegía, de Otger e de Roldán; a que deprendeu a andar agarimando-se na espada de Vifredo e na lanza de Borrell; (TILG: Alfredo Brañas, 1889)




Tamém Rosalia empregou a verba na sua acepçom menos doce (agarimo = arrimo, sustém):




Noite escura logo vén e moito dura co seu manto de tristura, con meigallos e temores, agoreira de dolores, agarimo de pesares, cubridora en todo mal.
(TILG: Rosalia de Castro, Cantares Gallegos, 1872)




Incluso foi empregado em castelám por Valle-Inclán, que gostava de bombardear a suas obras com verbas galegas (ruanos, foliada, aturujos, repenicados, agarima... tam só no seguinte fragmento):




Nocturnos cantos ruanos, lejanas risas de foliadas, panderos, brincos y aturujos repenicados, tienen alertada en la cama a Pichona la Bisbisera. Los ojos brillantes y grandes, el fulvo cabello esparcido por la almohada, atenta al concierto, se desvela la moza andariega. Colgado en el rincón del horno alumbra un sainero candilejo, se agarima debajo una clueca, y en el círculo de la penumbra el gato abre el sacrilegio de sus ojos verdes. (CORDE: Valle-Inclán, Cara de Plata 1923)




Em geral o campo semántico de agarimo é idêntico ao de arrimo, salvo na especializaçom no sentido de mimo e alouminho. Por exemplo em obras portuguesas:




das quaaes cousas nom ha receo alguû nem medo alguû aquele que tem fundada a casa sobre a pedra, sobre Cristo, ao qual se encosta e arrima, guardando os preceptos. (CORPUS: Livro de Vita Chirsti, 1446)




Aqui, em chegando, sem pedir nem esperar mais licença de el-rei, nem tratando de ganhar primeiro aos bonzos, que já tinha por inimigos declarados em toda a parte, e, enfim, sem favor nem arrimo de criatura alguma, começou o santo a fazer ofício de embaixador do Céu (CORPUS: Historia da vida do Padre S. Francisco Xavier, 1600)




E como para a perfeiçao do casamento o principal arrimo é a virtude; se um avarento nao só é ruim e vicioso, se nao está amigado com o demónio, bem manifesto, e provado fica que nunca pode ser perfeito casado. (CORPUS: Casamento Perfeito, 1630)




Etc. Outra verba coa que (a)garimo e arrimo amossam similitudes é coa verba rima ou arrima:




arrima s. f. de Ribadavia. El montón de tierra o arena que el río hace. (Sobreira: Papeletas 1792-1797).




rima com. Rimero, conjunto de cosas unas sobre otras con cierto órden. (Valladares: Diccionario, 1884)




rima f. (Nov. Val. Mon.) Montón de leña bien colocada. (Constantino García González: Glosario, 1985)




arrima s. f. Pila de leña cortada, de forma apuntada, para hacer carbón. También arrimada. Monterramo, Our. (Elixio Rivas: FrampasIII, 2001)




É moi interessante o que recolhia Sobreira hai 200 anos, e Valladares algo máis tarde:




aplicar v. a. Ribadavia. Apricar , ajuntar , arrimar. Juntar o poner una cosa corporal junto a otra o sobre ella, o en ella. Dícese comúnmente de algunos remedios como emplastos, yerbas. (Sobreira: Papeletas 1792-1797).




aplicar Met. Añedir, arrimar. Aumentar algo el número o valor de antes tratado, como en los precios, agasajos, etc. (Sobreira: Papeletas 1792-1797).




arrimarse com. Apoyarse. Agregarse; juntarse á otros. (Valladares: Diccionario, 1884)








Logo de examinar o significado das verbas (a)garimo, (a)garimar, e tendo sugerido umha certa relaçom com arrimar e rima, quero ir agora co seu étimo. E até agora a única proposta etimológica que tenho achado tira a verba dum interessante latino *AGGREMIARE, que teria originado o sardo logudorese aggremmiare 'agrupar', derivado do latim GREMIUM 'lenha; seno, útero'. Mais desta verba latina nom se aguarda um galego agarimar, senom **agremiar ou **agremar, incluso ainda que estar formas poidessem alternar com outras como **agaremiar ou **agaremar, ou com formas com i por harmonizaçom vocálica. Máis as formas que conhecemos sempre, e quero dizer sempre, presentam um i tónico, nunca um e, polo que devem proceder dum étimo com i longo. Em consequência, foneticamente *AGGREMIAR nom é um bo étimo, como tampouco é excepcionalmente bo do ponto de vista semántico. Assemade, *aggremiare nom pode explicar nem arrimar nem rima.




Que outras possibilidades temos? Higino Martins presenta um interessantíssimo estudo das verbas rima e arrimar na web da ADIGAL ('Ũa rima de palavras aparentadas'). Brevemente, o autor amossa que estas verbas procedem da raiz indo-europea *rēi- 'mover-se, passar' (IEW: 55-61), que com acrescentamento em -m origina verbas só em línguas celtas e germánicas: o antigo irlandês rīm 'número', āram (*ad-ri-mā) 'idem', galês rifh 'idem', antigo nórdico rīm 'cálculo, conta', unrīm 'miríada, imponderável', antigo inglês rīm 'número', antigo alto alemám rīm 'série, sequência, número', girīman 'pertencer, calcular, contar'. Em particular, Higino Martins considera que rima e arrimar, em galego, português e espanhol, teriam orige celta, por considerar esta orige máis provável que a germánica para umha verba hispánica e por serem as formas célticas, na suas respectivas línguas, máis vivazes que as germánicas. Nomeadamente, arrimar proviria dum étimo *ad-rīm- ˃ *arrīm-, com assimilaçom /dr/ ˃ /rr/, étimo conhecido tamém em irlandês mais que poidesse ser tamém romance, e cujo significado poderia ser 'achegar à serie = somar' (lembre-se a definiçom que da Valladares de arrimar: 'arrimarse com. Apoyarse. Agregarse; juntarse á otros.' Tamém Sobreira fai sinónimos engadir com arrimar.)




Eu estou inicialmente de acordo: o significado primitivo de rima parece ser 'conjunto homogéneo de cousas' (o significado 'rimar versos' é documentalmente posterior e pode ser independente, tendo chegado da Franza). E de rima derivaria limpamente arrimar, quer por via romance, quer por via pré-latina posteriormente latinizada, arrimar ˂ *ad-rīm-are 'juntar, achegar (a um conjunto homogéneo)'. Mais, que relaçom pode ter aqui agarimar? O professor Martins nom sugere nengumha, e nem tam sequer cita esta nossa protagonista, mais eu penso que esta existe. Vaiamos por orde:




1º) Como penso que vimos de ver, agarimar tem inicialmente similar significado que arrimar.




2º) A forma com /a/ inicial alterna com outras sem ela, tanto em dicionários como no emprego literário. Similar alternáncia achamos noutras verbas galegas como agasalhar / gasalhar.




3º) O prefixo ga-, se o é, nom tem explicaçom em língua latina ou céltica, mais nas línguas germánicas é frequentíssimo, sendo cognato da nosso co- ou con-. Achamos este prefixo na anterior palavra gasalhar, adaptaçom dum germánico *gasaljan 'coabitar; compartir', de *saljan 'habitar; oferecer'. Ainda máis, temos um cognato no antigo alto alemám girīman 'pertencer, calcular, contar', que pressupom um proto-germánico *garīman, mesmo étimo que penso origina, com adaptaçom natural nas desinências, o nosso (a)garimar. O seu primitivo significado penso que é moi similar ao de arrimar:
arrimar ˂ *ad-rīm- 'adjuntar',
garimar ˂ *ga-rīm- ˂ *co-rīm- 'conjuntar'.








En resumo:




1º) Agarimar (ou garimar) é verbo cujo significado antigo é similar a aquel de arrimar 'achegar, acrescentar', compreendendo tamém o valor de 'proteger'. O significado 'caricia, mimo, carinho' está documentado só desde Pintos, a mediados do século XIX, e populariza-se por médio da literatura 'regionalista' do século XIX.




2º) Rima, cos seus derivados, é verbas que tem cognatos em línguas germánicas e celtas, rīm, co valor de 'conta, série'. O significado primitivo de rima parece ser 'conjunto homogéneo de cousas'. Dela derivam arrimar ˂ *ad-rīm-are 'juntar, achegar (a um conjunto homogéneo de cousas)'. Ambas verbas podem ter orige céltica.




3º) Agarimar é verba galega de orige germánica relacionada com arrimar e rima (que poidessem ser celtas ou germánicas). O prefixo ga- está presente noutros germanismos galegos como agasalhar 'obsequiar, acolher com deferência' ˂ *gasaljan 'coabitar; compartir', de *saljan 'habitar; oferecer'. O feito de ser ga- na verba (a)garimar prefixo vem garantido pola sua família léxica: rima ˂ *rīmā e arrimar ˂ *ad-rīmāre. Consequentemente, garimar ˂ *ga-rīm-are, é adaptaçom do verbo germánico *garīman, que tivo continuaçom no antigo alto alemám, o que sugere umha orige sueva para agarimar.




4º) A evoluçom semántica das verbas penso que deveu ser:




PIE *re-i- 'mover-se' ˃ *rī-ma- 'sucessom, série ˃ pila, fila ou conjunto homogéneo / conta'




arrimar ˂ *ad-rīm- '(juntar) à série / conjunto = somar, engadir ˃ achegar'




garimar ˂ *ga-rīm- ˂ *co-rīm-: 'somar, engadir ˃ achegar ˃ proteger, amparar, abrigar ˃ acariciar, alouminhar'.




5 comentarios:

  1. Un pracer atopar este o seu "Blog", senhor Cossue; e poder "agarimarme" á súa sabencia unha vez máis dende os tempos da Celtiberia.
    Atentamente:
    Buxato

    ResponderEliminar
  2. Un saúdo, Buxato (canto tempo!) Graciñas polas túas verbas, ainda que o meu máis que sabencia é "buscancia" :-). Novamente, graciñas e un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Sobre *gasaljan 'coabitar', permito-me anotar duas referências CODOLGA: a primeira, do fim do s. VIII: "et quisquis ibi superuixerit similiter. et ego Episcoparius, una cum gasalianes meos, dedimus uobis precium fratri Purello uel congregatione sacte boue" (S. Liébana, 796); e a segunda, do início do s. XI: "illum adducere per manum de fratre Ariulfo et de suo gasaliane Ranemiro Ruderiquiz, et de illis monachis per manum de magister" (Celanova, 1004). São as ocorrências estremeiras que achei no CODOLGA. Parece que até aí chegou o apelativo. Há dous topónimos Gasalha na Galiza, um no concelho de Frades e outro no concelho da Pastoriza. Imagino, sem comprová-lo, que algo terão a ver.

    ResponderEliminar
  4. Graças, meu. Acho que essa família léxica é de certo umha das máis interessantes do nosso léxico de orige germánico. Algo máis escrevim aqui: http://frornarea.blogspot.com/2008/09/de-suevos-salas-samanos-gasallas-e.html.

    Certamente hai vários topónimos Gasalha, e máis algum Gasalho, polo país. Abraços!

    ResponderEliminar
  5. Gostaria compartilhar uma ideia a respeito de agarimar.
    No gaeilco irlandes existe o verbo: gor, que significa aqueçer, incubar. A primeira perssoa seria gorim: eu aqueço.
    Poderia o verbo agarimar estar emparentado co verbo gor? A minha logica e: a.gorimo.ar , i.e. a alguen calor dar.
    Frases coma "agarimo da fogueira do meu lar" exprimen esta etimologia.

    Saudos e obrigado

    ResponderEliminar

Deixe o seu comentario: