15 de setembro de 2011

Estranhos Oestrymnicos

(Atualizaçom:  Eis umha traduçom moi superior à minha, abaixo exposta; e acô umha proposta etimológica igualmente superior, por Jordan Cólera. Cachis.)

Nom sei quando foi a última vez que eu lim aquilo dos Oestrimnios; o de serem os velhos, originais, e pré-indo-europeus habitantes dessa Arcádia Perdida, hoje estes e esses ferrados, antes da chegada dessa minoria ruidosa, os Sefes indo-europeus (mais nom celticos, companheiros, por terem esse /f/ revelador no meio do seu nome étnico).

Nom obstante, nom se tem proposto -penso- umha língua ou umha etimologia coa que vestir aos esfarrapados Oestrimnios, mais alô de irreflexivamente o ponher em relaçom co nosso oeste 'ocidente', do germánico *westera- 'ocidente, ocidental'. Mais suspeito que nom vai o conto por esse caminho. Contodo, o nome tem, penso, umha boa etimologia no Indo-europeu. Mais antes, vejamos em que contextos fai Rufo Avieno uso deste nome na sua Ora Maritima:

Terrae patentis orbis effuse iacet                   80
orbique rursus unda circumfunditur.
sed qua profundum semet insinuat saxum
Oceano ab usque, ut gurges hic nostri maris
longe explicetur, est Atlanticus sinus.
hic Gadir urbs est, dicta Tartessus prius,                    85
hic sunt columnae pertinacis Herculis
Abila atque Calpe, haec laeva dicti caespitis,
Libyae propinqua est Abila. duro perstrepunt
et prominentis hic iugi surgit caput,
Oestrymnin istud dixit aevum antiquius,                   90
molesque celsa saxei fastigii
tota in tepentem maxime vergis notum.
sub huius autem prominentis vertice
sinus dehiscit incolis Oestrymnicus,
in quo insulae sese exerunt Oestrymnides,                   95
laxe iacentes et metallo divites
stanni atque plumbi. multa vis hic gentis est,
superbus animus, efficax solertia,
negotiandi cura iugis omnibus,
netisque cumbis turbidum late fretum                   100
et beluosi gurgitem Oceani secant.

obire semper huc et huc ponti feras,
navigia lenta et languide repentia
internatare beluas. siquis dehinc
ab insulis Oestrymnicis lembum audeat
urgere in undas, axe qua Lycaonis                   130
rigescit aethra, caespitem Ligurum subit
cassum incolarum. namque Celtarum manu
crebrisque dudum proeliis vacua arva sunt
Liguresque pulsi, ut saepe fors aliquos agit,

Ophiussa porro tanta panditur latus                   150
quantam iacere Pelopis audis insulam
Graiorum in agro. haec dicta primo Oestrymnis est
locos et arva Oestrymnicis habitantibus,
post multa serpens effugavit incolas
vacuamque glaebam nominis fecit sui.                    155

Semelha que Avieno chama as estas gentes Oestrymnicis, derivando o seu nome cum sufixo -ik- (próprio mais nom exclusivo das línguas célticas) dum promontório, estremo dumha serra ('duro perstrepunt et prominentis hic iugi surgit caput, Oestrymnin istud dixit aevum antiquius', o que no meu mal latim, e con ajuda de Google e o dicionário Words de Whitaker penso que é 'Com grande dureza ressoa, e proeminente surge aqui a cabeça dumha serra, sendo isto chamado de antigo Oestrymnin.') Este promontório era chamado de antigo Oestrymnin, e sendo mencionado depois de Cádis e das Colunas de Hércules quer ser o Cabo de São Vicente, mais pola descriçom máis bem seria o Cabo da Roca ou outro (?). 

Possível etimologia deste topónimo antigo? O primeiro elemento é, penso, o PIE *hóistro- 'raiva, forte sentimento', um derivado de *hóis- 'mover-se com violência / por-se em movemento', donde lituano aistrà 'passiom' e grego oistro 'moscardo, aguilhom, raiva' (Cf. Mallory J.P. &  D.Q. Adams 'The Oxford Introduction to Proto-Indo-European and the Proto-Indo-European World', p. 340) O segundo elemento do topónimo -mn- semelha o grau zero do sufixo *-men- que usualmente deriva nomes de verbos ou açons (cf. latim alumnus = '(o que é) alimentado', de alo, alere 'alimentar') Consequentemente, penso que o topónimo Oestrymnin < *Oistrumn- tanto vale como 'O que atura o embate / O embatido', lembrando-me à nossa Ponta Batuda, na ria de Noia. Sendo que Avieno emprega na sua Ora Maritima materiais até um milénio anteriores à sua própria época, esta seria outra prova da presença de falantes de línguas indo-europeas no sul da península ibérica hai máis de 2500 anos.

E si me trabuco, que as minhas trosmadas caiam em terra fértil :-)

16 comentarios:

  1. Moi interesante, Cossue. Pero eu sempre ouvira que Oestrymnios quería dicir (en grego?) os "comedores de ostras" e que así se coñecía tamén os antigos habitantes da zona de Lisboa... dando unha ollada rápida no Ghughel atopei esto:

    http://oestrymnio.blogspot.com/2008/08/historia-de-galicia-los-oestrymnios.html

    Onde relaciona os Oestrymnios cos famosos ligures, polo tanto tamén IE... eu eso dos lígures nunca o vin tan claro. penso sería máis probable que aquí se falase unha antiga rama indoeuropea, algún dialecto do Altereuropaische ese, nalgún punto entre as linguas protocélticas e as protoitálicas (estes días estou lendo o último libro de F.Calo Lourido, que bota por terra todo atisbo de celtismo... nembargantes boto en falta unha atención tan minuciosa a eses "pequenos barlumes" os que te adicas ti, que poden ser máis reveladores do que parecen ;) unha aperta!

    Carr.

    ResponderEliminar
  2. Ola, Carr! Con respecto ao primeiro punto, tanta máis razón me das. Primeiro, Avieno non fala de Oestrimnios, senón de Oestrimnicos, a xente que habita polo promontorio chamado Oestrymnin. Por outra banda, o noso ostra ven do latín ostra, plural ou feminino de ostreum, pola súa vez do grego ostreon. Que non ten nada que ver con oestr-, no que o ditongo representado por é absolutamente revelador e primordial, dentro da lingüística indo-europea. Quérese dicir, 1) non había tales Oestrimnios, senón Oestrymnicos, 2) a etimoloxía partindo do grego ostreon basease na aparencia sonora da palabra, e 3) a etimoloxía partindo de oeste (protogermanico *westera-) ten tantos ou máis defectos que non enumerarei. Outra cousa é si a etimoloxía que eu propoño é ou non, dun punto de vista morfolóxico, sostíbel.

    Con respecto a Calo Lourido -grande arqueólogo e probabelmente o mellor coñecedor da plástica castrexa- , no seu último libro non fai senón repenicar na mesma pedra, atacando as veces argumentos que xa estaban mortos. Penso que a súa postura sempre foi clara, pública e moi notoria... e moi encontrada tamén coas posturas e opinións de outros arqueólogos deste país (remítome ao e-keltoi: http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/index.html, sen me esquecer das moi relevantes opinións de Barry Cunliffe sobre a orixe e expansións dos Celtas na Europa Atlántica) e doutros, así como de bo número de lingüistas, que desde posturas moi distintas, e moi distintas gradacións, e moi variada cautela, non dubidan en atopar ben de celtas en Galicia e no occidente da península: Blanca María Prósper, Carlos Búa, Unterman, John T. Koch, Carlos Cólera, J.J. Moralejo... En Galicia hai máis, moito máis que meras farrapas de antigas linguas célticas e indoeuropeas. É parte do noso patrimonio onomástico.

    As conclusións de Calo están na páxina 329: “Se entendemos por celta unha lingua... houbo célticos en Galicia? A resposta é SI. Moitos? A resposta é NON. Duns cuarenta pobos, só tres ou catro disque eran célticos...” Isto último ven da súa consideración de ser “Céltico” un adxectivo latino; eu defendo que Céltico era o etnónimo das Célticos Supertamaricos e Praestamaricos, non un adxectivo latino, como nom o é Limicos, e ao igual que nomes como Celtius, Conceltius, Arceltius, Celtiatis, son nomes autóctones e aínda propiamente Celtas. En todo caso, hoxe por hoxe a definición e orixe dos propios celtas é tema aínda debatido, tanto que de non se falaren linguas célticas nas illas británicas, non poucos arqueólogos desas terras negarían o seu propio celtismo. Remítome ao “Celtic from the West”, de J. T. Koch e B. Cunliffe. Si son ou non persoas de prestixio déixoo ao google.

    ResponderEliminar
  3. Moi interesante Cossue, o de Oestrymnicos.. non o sabía, como tamén iñoraba que a raíz fora ostr-, eu cría que viña dun crego oystr-, de onde viría o inglés "oyster". A túa proposta de oistr-"o que embate" dende logo semella ter unha boa etimoloxía.

    Sobre o de Calo.. como che comentaba boto en falta que respondera máis minuciosamente a tantas pegadas presuntamente celticas que se conserban na onomástica do país, e mesmo no léxico (dende seara a bouza, pasando polos clásicos tona, colmo etc..). Sempre me pareceu raro que un puñado de mercenarios celtibéricos se adicasen a rebautizar os accidentes do país con nomes que escomezaran por Camb- ou remataran en -amo... pero o que dí dos nosos queridos topónimos en -obre/ -briga sí que lle vexo senso: como explicar senón cidades como Iuliobriga ou Flavióbriga? pola natureza militar do termo "briga" ben podería ser unha verba incrustada no latín... aínda hoxe en italiano ós bandoleiros se lles chama "brigantes". O de Supertamáricos e Praestamáricos, a verdade é que soa bastante latín, quizáis un pouco macarrónico... pero non cho discuto porque o único que sei de latín é dicir "ad hoc" e "pecata minuta" ;) saúdos, e grazas pola resposta!

    ResponderEliminar
  4. Na segunda liña quixen dicir "conservan"! iso pasa por teclear ó chou... perdón pola dor de ollos!

    ResponderEliminar
  5. Ah, por certo, son sempre Carr. Vou ter que abrir unha conta en Jujel ;)

    ResponderEliminar
  6. Ola, Carr.

    Sobre as Iuliobriga, Augustobriga, Caesarobriga, Flaviobriga... e máis tamén Octaviolca e Graccurris ('Cidade de Gracchus'), tan só lembrar que os romanos usaban das institucións, relixións e cultura indíxena dos pobos conquistados para os seus propios usos. As fundacións e refundacións romanas de inicios do imperio utilizaban con frecuencia elementos onomásticos tomados da linguas locais: -briga 'castro, cidade' ou -olca (céltico tamén, 'terra de labor') na meseta, onde se falaban linguas célticas / indoeuropeas, e -urri en áreas de lingua ibérica ou bascónica na Rioxa. E na Galia e outros lugares da Europa continental tamén -magus 'chaira, mercado', -dunum 'fortaleza', -bona 'fundación', -durum, etc.: Augustobona, Augustodunum, Augustonementon, Augustodurum, Augustomagus, Caesarodunum, Caesaromagus, Iuliobona, Iuliomagus... Se partimos da premisa de que na península ibérica o elemento -briga foi espallado polos romanos, entón tamén debemos afirma outro tanto para o elemento -magus, -dunum, -durum, ou -bona na Gália... Dicía Ockham que as entidades non deben multiplicarse sen necesidade: explicar como un efecto de romanización os topónimos como Nemetobriga, Avioliobris, Letiobri, Lubri, Ercoriobri, Miobri, ou Ogrove, Lestrobe, Xiabre, Canzobre, Cecebre, que carecen de todo elemento latino, excede as hipóteses simples e as teorías económicas para se meter no terreo do que xa non é boa ciencia. Non abonda con dicir son romanos, hai que dicir por que non son celtas, e submeter teoría e hipóteses ao escrutinio dos máis. E desde o momento que se recoñece que si, que había falantes de linguas celtas locais, o demais deixa de ser económico. En fin, hai Iuliobriga na Hispania porque hai Iuliobona e Iuliomagos na Galia. E estes existen porque antes houbo Pompeiópolis e Alexandrópolis, polo gran creador de imperios da antigüidade no que todos se miraban. Falamos de homes que querían pasar a posteridade.

    Sobre os brigantes italianos, penso que teñen máis que ver co galego e castelán bregar/brigar 'loitar', que para a RAE ten etimoloxía gótica. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  7. Sobre os Célticos, Supertamarcos ('os de sobre o Tambre') asúmese que é un adxectivo, sen desbotar a adaptación dun adxectivo local (hai paralelos na Britania); Praestamaricos ('os de antes do Tambre') considerase que pode ser adxectivo autóctone, máis ou menos adaptado a usos romanos. Consecuentemente, tanto máis estraño é que Céltico sexa tamén un adxectivo descritivo imposto polos romanos (unha palabra latina), perdendo entón esta xentes o seu nome primitivo. Por exemplo entre os Seurros había os Transminienses, cun adexectivo latino pero cun étnico autóctone.

    Máis grave sería nese caso o caso dos Célticos do Sul, que carecerían entón de nome étnico, cousa única na historia. Embora, o sufixo -ico- é común e aínda característico da onomástica e morfoloxía autóctone, e o elemento celt- aparece en nomes persoais celtas, na península e na Galia. É dicir: a priori Celtici pode ser un etnónimo autóctone, un endoétnico, alleo a romanos e gregos. Por outra banda, de todo o imperio, os autores antigos so falan de Célticos no occidente da península ibérica, e sempre empregan esta palabra como substantivo e non como un adxectivo descritivo. Nunca en ningún lugar se di en que consiste ser céltico, si non que se di que esta xente chámase Célticos, ou que as xentes das costas da Galiza pertencen á nación dos Célticos, ou certos individuos din que son Célticos Supertamarcos, ou Célticos Flavienses (outro adxectivo latino acompañando a un étnico autóctone, IMHO).

    En fin: asumir sen debate que Céltico é un adxectivo latino so empregado na península ibérica para definir a un pobo do sur e máis aos habitantes da costa galega das rias baixas até o límite cos ástures, non é trivial, e require antes explicitar a posíbel relación con antropónimos exclusivos do occidente hispánico como Celtiatus (cf. Viriatus), ou os compostos Conceltius (*con-), ou Arceltius (*ar < *pari-).

    Pomponio Mela: http://www.thelatinlibrary.com/pomponius3.html

    ResponderEliminar
  8. Que concho, cando Pomponio Mela fala das illas do Oceano, logo da Lusitania e antes de pasar á Galia e á Bretaña e á Irlanda, di "Entre os Celticos hai outras illas que son ricas en chumbo, polo que todas xuntas son chamadas polo nome de Cassiteridas" (In Celticis aliquot sunt, quas quia plumbo abundant uno omnes nomine Cassiteridas adpellant.) Onde Célticos se remite con claridade á Galiza, e onde evidentemente Célticos non é unha descrición do carácter folclórico dos habitantes.

    ResponderEliminar
  9. Pero nada, que o dos celtas o inventou Pondal :-/

    ResponderEliminar
  10. Dizionario etimologico online:

    brigante: http://www.etimo.it/?term=brigante&find=Cerca (a briga, do gótico BRIKAN: http://www.etimo.it/?term=briga&find=Cerca)

    ResponderEliminar
  11. Cossue, excelente argumentación. Non sabía da existencia de sufixos semellantes na Galia e noutras partes, e iso dende logo dalle un cariz completamente distinto á cousa. O caso dos Célticos que foran un adxetivo latino ou sustantivo autóctono polo feito de iren con un adxetivo latino, non o vexo tan imposible. Ben puidera ser latino, e despóis os propios románs diferenciar entre os dun lado e outro do tambre... pero paréceme relevante a existencia da raíz Celt- como nome indíxena. En todo caso non deixa de ser raro que se autodenominaran a sí mesmos celtas, cando seica ningún outro grupo o fixera e a verba era pouco menos que un neoloxismo... un pouco coma o "germanos" con que chamaron os románs ós pobos do norte (aínda que neste caso tivera un orixe latino, a verba)

    Pero bueno, falando do libro de Calo, creo que hai unha grande contradicción de partida: se, como sostén, o celta/non celta depende básicamente da lingua... qué valor teñen os seus comentarios como arqueólogo? na argumentación linguística el non para de dicir que non é especialista, e repite os argumentos do p- inicial etc, cando mesmo en terra dos celtíberos había lugares e palabras (Palantia, Páramo...) que escomezaban por p- inicial, e na área da Gallaecia nos atopamos onomástica calcadas do celta, como Nemetóbriga, Caladunum ou Luggones... a cuestión sería saber se o celta convivía con outra lingua indoeuropea máis antiga, se evolucionara dende ela no mesmo territorio ou se era unha lingua das castes altas, dalgúns poucos pobos da Gallaecia, ou unha especie de pidgin alimentado por migracións dende as mesetas ou chegadas dende o sur.

    Saúdos, e grazas polas respostas!
    Carr

    ResponderEliminar
  12. Neoloxismo, neoloxismo... Keltoi é designación usada polos gregos desde o século VI a.c.; e Cesar di que os galos se chamaban a si mesmos no seu propio idioma celtae, na introducción aos comentarios da Guerra Gálica. Asemade, a presenza dun elemento celt- na propia antroponimia celta garante a propia celticidade inmediata da palabra. E polo que eu sei, Celt- ou Kelt- non significa nada en linguas Germánicas, Itálicas, ou en Grego, polo que probabelmente tamén era celta a súa orixe remota.

    Sobre a perda / preservación de p, a presenza de palabras / nomes que evidencian unha ou outra cousa é un fenómeno común a toda a área indoeuropea da península, só que podemos garantir a súa perda en Celtibero, e a súa preservación en Lusitano. Na Galiza temos tanto palabras patrimoniais que amosan a perda (leira < *plâr-, laxe < *plâgena, rego < *prik-...) como outras que amosan preservación (paramio...). O mesmo se pode dicir verbo da toponimia (Parga mais Ledesma < *Plêtisamâ). En todo caso, e aínda que lendo a Calo todo isto parece unha casuística exclusivamente galega, non o é, senón que afecta ao conxunto da península ibérica, exceptuando (quizais) as costas do Mediterráneo.

    Penso que a posición máis común hoxe é que ao menos dous grupos de linguas indoeuropeas, unhas celtas, outras non pero case (eran de tipo occidental) eran faladas ao longo e ancho dos dous terzos occidentais da península. Algo así e implicitamente defendido, e explicitamente exposto, por Prósper, Jordán Cólera e outros. Non obstante, outros lingüistas tamén de prestixio, como Búa ou Unterman, torcen mais cara a existencia no occidente da península dunha única lingua, céltica e arcaizante. É un campo aínda en pleno desenvolvemento, con moitos estudosos internacionais, e ao que agora se suma as novas posibilidades do Tartésico en canto a lingua celta ou celtizada (Koch e outros).

    Na miña opinión, e seguindo a Barry Cunliffe ("Celtic from the West", etc), o espallamento das linguas célticas polo occidente europeo ten moito que ver coa cultura do Bronce Atlántico, e probablemente implica máis ben unha mutua aculturización en función das élites. En todo caso, creo que a nosa celticidade debe máis ao sul e ao norte que ao leste. Pero ben, todo este é un debate hoxe candente a nivel europeu.

    Saúdos, meu!

    ResponderEliminar
  13. O de neoloxismo usábao no senso de verba allea a unha lingua, pensaba fora de orixe grego, vexo que estaba equivocado ;))

    Do resto, dacordo con todo o que dis. Por certo, gracias polos links do outro día os escritos de Cunliffe &co, leereinos con calma. Xa teño lido cousas nesa liña, da teoría da continuidade, tanto a favor como en contra.

    O importante dende logo é que a investigación se basee en datos ou hipótesis sustentadas en argumentos fiables, alén de opinións subxectivas ou apriorismos. Penso que desto pecan moito autores como Pena Graña ou Branca G.Albalat; ou Barbosa... pero no outro extremo, as teses de Calo tampouco explican de modo satisfactorio os celtismos da Gallaecia, dende a hidronimia ós nomes das tribos e castros.

    Pero hai explicacións para tódolos gustos. O último que lin é que un celtismo como a "camba" do carro, podería ter entrado cos románs; pois os castrexos non tiñan carros, como di Pena Graña: castros como o de Baroña presentan escaleiras na porta do recinto, e non é imaxinable que deixaran o carro fora para descargalo. As fondas carreiras das que fala Graña serían causadas polo peso das algas que transportaban...

    En fin, creo que é importante facerse unha idea do bosque, porque o que está claro é que hai moitas árbores ;)

    ResponderEliminar
  14. Hola, meu. Sobre Sir Barry Cunliffe... Non ten nada que ver coa teoría da continuidade! É un arquólogo de renome e plenamente mainstream. Sobre os carros, non hai un ano que se descubriu en Ourense unha estela de máis de dousmil anos, que inclue a panoplia dun guerreiro e un carro gravados, ao modo das estelas do SW. Son tamén famosos os varios carros votivos do norte de Portugal. Polo demáis, o céltico *camb- non so está detrás das cambas das rodas, tamén están detrás das cangas ou das camboas / gamboas. E de Cambados, Terra de Camba...Representacións de rodas temos tamén en Santa Tegra. É bastante ousado afirmar que os habitantes dos castros descoñecían a roda! Saúdos.

    ResponderEliminar
  15. Afondado no exposto: Barry Cunliffe na Wiki, que como ponto de saída, que non de chegada, é sempre interesante: http://en.wikipedia.org/wiki/Barry_Cunliffe. Nada que ver coa continuidade: http://en.wikipedia.org/wiki/Paleolithic_Continuity_Theory.

    Sobre carros e rodas, unha mostra:

    http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_3/images/fig49_600.jpg, en http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_3/gonzalez_ruibal_6_3.html

    http://www.youtube.com/watch?v=8CjcF9aSa_I; e http://anosahistoria.blogspot.com/2011/05/atopada-unha-estela-de-guerreiro-con.html.

    Un saúdo!

    ResponderEliminar
  16. Ah vale, tomo nota do de Cunliffe. A verdade non o coñecía..

    Sobre o dos carros, os achádegos deberían ser unha evidencia incluso para os arqueólogos máis descreídos. Pero coñecendoos poderían dicir que se trataba dun comercial púnico que vira por carreteira .. XDD

    A verdade, pensar que non se coñecía a roda ata a chegada de Bruto, soa ben raro. Como farían daquela os rallies ilegais polo Morraso??

    Grazas polas respostas e a paciencia, non quero convertir esto nun foro ;)

    apertas
    Carr

    ResponderEliminar

Deixe o seu comentario: