Umha antiga carvalheira pagá?

Santiago co Pico Sagro ao fundo (de Wikimedia commons)
Eis um fragmento dum documento do ano 914, um original hoje nos fundos do Archivo Historico Nacional de Madrid e no que se recolhem umha série de doaçons ao antigo mosteiro de Sam Sebastiám do Pico Sagro. É um documento interessante por moitos motivos, mais o que me sacudiu foi o seguinte (da ediçom de Carlos Sáez, p. 92 do volume terceiro da sua coleom Galicia, ISBN 84-8138-597-2):
"damus adque concedimus ibidem in prefato loco domos et edificiis cunctis cum intrinsecis suis, quicquid  ad utilitate monasterii pertinet, sibe etiam in suburbio montis de villa Argillario de arca qui est inter villa Sisecuti et Argillario per strata que discurrit super domum Gutini et Gattoni usque in arca de Iuli Baruito, et sic per ipsa strata in fontanello et usque in rouoritello ubi congregatio sacerdotum est in diebus letaniarum, et sic per strata ubi terminis sedent de Suberito usque in monte, et inde usuque in terminos de Sauzanes per ubi divident cum Argillario"
Na minha traduçom:
"damos e concedemos assemade no devandito lugar casas e edifícios coas suas pertenças, qualquer cousa que seja da utilidade do mosteiro, assi nos arredores do monte desde Ardilheiro, da arca que está entre Sergude e Ardilheiro, pola estrada que vai sobre as moradas de Gudinho e de Gatom, até a arca de *Iuli Barvito, e por essa estrada até umha fonte e até a carvalheira onde se congregam os sacerdotes nos dias das ladainhas, e pola estrada até os termos de Sobredo e até o monte, e até os termos de *Sauzanes por onde dividem com Ardilheiro"
Na leitura deste fragmento subitamente vim umha procissom de cregos seguindo os passos de antigos pagáns (druidas?) reunidos numha cavalheira ao sopé deste lugar sacro... Ainda que a cousa nom é tam simples: no contexto do catolicismo, os dias das litanias as procissons celebravam-se amiúde em lugares que foram santos para os pagans, assi ocupando e deslocando os seus cultos. Consequentemente penso que provavelmente o que se nos oferece neste fragmento é umha mostra máis da ocupaçom espacial, temporal e simbólica da antiga religiosidade pagá, neste caso dum espaço, umha carvalheira (os lugares de Carvalheira da Granja ou de Reboredo, na aba leste do monte) perto do Pico Sagro, monte cujo cúmio já fora ocupado à sua vez polo proprio mosteiro de Sam Sebastiam.
 

Comentarios

  1. Parabéns polos atraintes contidos da túa páxina. É unha ledicia a súa leitura. Un exemplo de bo traballo. Moito obrigado.

    ResponderEliminar
  2. Eiximena Martínez P.28 de setembro de 2013, 21:46

    Se callar non teña moito a ver co do rebordelo onde “padricaban” os curas do Picosagro, pero o que di ese documento tróuxome á mente unha cousa sobre a que de meniño xa lle preguntara a miña avoa: ¿por que os adros das ermidas son unha carballeira?. Tal infantil pregunta fágoma aínda agora “que xa se me torna o pelo cau” (como dicía tamén miña avoa).
    Na miña contorna de nacenza os santos patróns das parroquias non teñen case culto (San Sibrán, Sant’andré(l), Santa Comba, Santadrán...), mais, porén, os grandes cultos populares recíbenos santiños venerados en vedrañas ermidas desas parroquias: Sanamaro, Sanamedio, Santa Mariña, San Sebastián, San Bertolameu, San Bras, Santa Romiña, San Roque...; son abofé cultos moi vellos. Esas ermidas teñen en común estar en adros ocupados por mestas, antiquísimas e intocables carballeiras. Quen “crebe unha póla soliña dun carballo do adro” acabará sendo pouco menos que un apestado na parroquia. E aínda hoxe así. Tamén teñen en común que as súas romarías son moi populares, transparroquiais (veñen xente doutras parroquias, incluso bastante afastadas) e, sobre todo, son o que aquí se coñece como “SANTOS DE PROMESA”, o cal os diferencia doutros cultos doutras ermidas da zona como San Lourenzo, San Cosme, a Santa Cruz, Santiago, Sandego, San Cidre, San Pedro..., que non son “santos de promesa” nin teñen carballeira no adro nin exvotos como ofrendas. “Santo de promesa” é aquel que recibe exvotos de cera, posúe unha liturxia popular paralela á ortodoxa (e ás veces priscilianistamente discordante con ela) e conta con apampanantes mostras dun culto antiquísimo e preferido pola sociedade da contorna, frente aos outros cultos nomeados, que teñen misa (e ás veces festa) pero que non son “santos de promesa” e ningún devoto lles ofrece exvotos para que curen ou sanden tal enfermidade de tal persoa, nin forman parte da relixiosidade íntima. E, sobre todo, os seus adros non son unha carballeira. E iso é o fin último deste comentario: non creo que sexa froito do azar que os máis enxebres e vivos cultos da ría de Vigo, como os que nomeei, teñan os seus templos en adros con vetustas carballeiras intocables. E, en contraposición, que os outros cultos da zona estean en adros desprovistos de carballos. ¿Casualidade? ¿Indicio de algo? ¿De que? O do rebordelo do Picosagro igual é un bo venteo...
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Moi fermosa reflexom: gracinhas por compartir! Só a título de curiosidade: a carvalheira de Santa Susana, onde a ermida de Santa Susana em Santiago, era onde se reunia o concelho da cidade na Idade Média... Carvalheira, ermida, assemblea... Certamente o carvalho é a nossa árvore totémica.
    Saúdos!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixe o seu comentario:

O máis visto no último mes